
FORMAS DE APARIENCIA
DE VERÓNICA VICENTE
Proxecto coreográfico-performativo no que se exploran os límites do corpo a través do movemento de dous bailaríns introducidos, total ou parcialmente, dentro de dúas pezas de roupa. O lugar de traballo é o espazo reducido desas pezas; o límite corporal fronte ao do tecido que o envolve, fronte aos cánones ou estereotipos que o
aprisionan. A roupa seleccionada (normal e non fabricada para a ocasión), con estampados ou formas xeométricas, afasta a idea de suxeito, converténdoo inmediatamente en materia máis propia dun obxecto digno de ser mirado e admirado.
O corpo, o seu volume, en movemento ou de forma estática, móstrase como unha especie de masa amorfa totalmente despersonalizada ao ocultar en todo momento o rostro. Son un total de tres accións coreografiadas para falar sobre a estetización do corpo na actualidade, a excesiva preocupación polo aspecto e a aparencia; accións que pretenden agudizar a crítica sobre o corpo pensado para os demais. Tras o atractivo visual e estético dunha primeira ollada, agóchase unha mensaxe moito máis profunda e crúa, que só será desvelada nunha segunda lectura ao percibir esa outra realidade de corpos contorsionados e oprimidos, atrapados polas súas propias
vestiduras.
A composición musical guía e motiva os movementos que xorden dunha pulsión do corpo entregado ao son, alternando a pausa co xesto, o achegamento estético á escultura ou á danza.
Proxecto creado durante unha Residencia REGA da Cidade da Cultura en colaboración co Festival RESIS. Na interpretación performativa interveu Colectivo Glovo, formado por Esther Latorre e Hugo Pereira, e no son Macarena Montesinos coa improvisación do violoncello e Hugo Gómez-Chao no espazo sonoro.



